domingo, 29 de xuño de 2025

26 anos de traballo orientador no IES García Barbón (1999-2025)

26 anos de traballo orientador no 
IES García Barbón (1999-2025)
A aportación en clave histórica pretende realizar unha síntese das liñas de traballo orientadoras prioritarias que se fixeron e ahegar algunhas reflexións pedagóxicas.

- A información sobre os estudos e a promoción da oferta formativa.

Unha das liñas de traballo habituais ao longo dos anos foi a de informar sobre a oferta formativa do centro e a de promocionar os estudos no seu conxunto. Para iso, elaborouse moito material (cadernos, guías, dípticos, etc) unha parte do cal se pode ver nas ligazóns que se inclúen ao final do texto (1).

- A aposta decidida polo uso do blog como recurso pedagóxico e orientador.

A partir do mes de febreiro de 2005, comezamos a publicar de maneira regular na Guía de Información Académica e Profesional, un traballo que ten continuidade a día de hoxe cun novo blog de Orientación (2). 20 anos de información, formación e comunicación que axudan e complementan o traballo e as actividades de información e orientación académica e profesional, así como a atención grupal e individualizada dos estudantes, profesorado e familias.

- A titoría individualizada como recurso de axuda pedagóxica aos estudantes.

A titoría individualizada dos estudantes é unha actividade importante do Departamento de Orientación que quere axudar en clave pedagóxica e persoal aos estudantes e configúrase como un traballo complementario e coordinado co do titor e co da titora. (3)

- A realización anual da avaliación da satisfacción do alumnado (ASA) .

A participación dos estudantes mediante a recollida das súas valoracións nun cuestionario específico sobre o funcionamento do centro, así como as súas queixas ou propostas constitúe unha liña de traballo necesaria que ven desenvolvéndose dende hai 25 anos (4).

- O traballo colaborativo coa comunidade educativa e con outros servizos.

O traballo orientador necesita da axuda e da colaboración da comunidade educativa, doutros profesionais da orientación e doutros servizos para poder ser efectivo (5). O esforzo individual é insuficiente para poder dar resposta as múltiples necesidades dos centros educativos.

Conclusións

En primeiro lugar, sempre, as persoas.

Traballamos con persoas en crecemento que precisan de apoio, ánimo e orientación. A nosa guía é esencial para encamiñar o seu itinerario vital.

Escoitar con atención.

Posiblemente, máis que falar sen parar e dar informacións, orientacións e consellos considero imprescindible escoitar con atención aos nosos estudantes.

Orientar é axudar.

Penso que o traballo orientador e titorial é sempre unha axuda pedagóxica que debe beneficiar ao estudante.

Estamos aprendendo sempre.

Creo que a nosa capacidade de aprender é a que nos vai permitir poder mellorar no noso traballo.


Daniel Veiga Martínez
Departamento de Orientación
I.E.S. García Barbón

--------------------------------------------------------

Ningún comentario:

Publicar un comentario

26 anos de traballo orientador no IES García Barbón (1999-2025)

26 anos de traballo orientador no  IES García Barbón (1999-2025) A aportación en clave histórica pretende realizar unha síntese das liñas de...